CRTVG

Buscar

O Sergas realizará cribados a 10.000 residentes de Baiona, A Cañiza e O Rosal

Publicado o 15/01/2021 09:45

 A área sanitaria de Vigo realizará novos cribados mediante probas PCR nos que convidará a participar a 10.000 residentes nos municipios pontevedreses de Baiona, A Cañiza e O Rosal. Fontes do Sergas detallaron que nos próximos días convidarase a someterse a unha proba diagnóstica á poboación de Baiona, A Cañiza e O Rosal, por esta orde.

Paralelamente, continuarase a realización do cribado iniciado en Vigo, en concreto, ás persoas adscritas ao centro de saúde de Navia, ás que se citará despois de ás residentes en Baiona.

Baiona segue no nivel máximo de restricións

Maiores de idade ata 60 anos que non fixeran unha PCR nas últimas dúas semanas e que teñan activado o sistema de avisos electrónicos do Sergas. Eses son os requisitos dos chamados a participar neste cribado. 3.000 dos 12.000 habitantes de Baiona están convocados ata este sábado.

Con 54 novos positivos nas últimas horas e unha incidencia acumulada superior aos 250 casos, Baiona continúa no nivel máximo de restricións, xa desde hai un mes.