CRTVG

Buscar

O Sergas prevé que o 29 % da poboación diana estea vacinada esta semana

Publicado o 13/04/2021 13:06

Máis de 685.000 persoas dos grupos de idade prioritarios, que exclúen menores, estarán vacinadas a finais desta semana. Segundo o conselleiro de Sanidade, o Sergas prevé ter inmunizado o 29 % da poboación diana nesa data.

Nunha comparecencia no pleno do Parlamento, Julio García Comesaña anunciou a chegada este mércores de 8.500 doses de Janssen que se van empregar, nun principio, para vacinar persoas maiores de 80 anos nos domicilios. 

Tamén confirmou a recepción de 7.500 unidades de AstraZeneca destinadas á poboación de entre 60 e 65 anos e o inicio da inmunización de persoas de moi alto risco, ao que irán destinados 35.000 soros de Moderna.

Efectividade das vacinas

Ademais, adiantou as primeiras conclusións dun estudo que se está a realizar sobre a efectividade das vacinas en Galicia. De acordo con estes resultados, a positividade do virus redúcese nun 47 % coa administración dunha dose, e nun 88 % coa inoculación das dúas.

A Consellería de Sanidade asinou un convenio co grupo de investigación de vacinas e infeccións do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) para levar a cabo esta análise científica sobre a información epidemiolóxica e a aplicación das vacinas na nosa comunidade.

PCR a disposición da cidadanía

García Comesaña asegurou que o novo obxectivo do seu departamento é “poñer unha proba PCR a disposición da cidadanía sempre que o precise” nas boticas. Para iso, "renovamos o convenio co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, continuaremos co da Coruña, xa iniciado, e temos intención de seguir con Lugo e Ourense", subliñou.

“Os cidadáns poderán ter unha proba PCR de saliva á súa disposición se a precisan, e os resultados que obterán contarán con todas as garantías do sistema de saúde galego”, engadiu. Dende a posta en marcha destes convenios, realizáronse 41.332 probas, das que 79 resultaron positivas.

Anunciou tamén a ampliación, máis aló de abril, da campaña de reforzo do cumprimento das medidas sanitarias fronte á covid, que realiza o persoal inspector de saúde pública. Dende febreiro, cando se puxo en marcha, realizáronse un total de 11.790 visitas a locais de restauración, tendas de alimentación ou instalacións deportivas, e detectándose 3.233 incumprimentos.

Unidades PostCovid 

Respecto das unidades PostCovid, para ofrecer atención específica a persoas que superaron a enfermidade, asegurou que xa está aprobado o plan funcional. Esta semana levarase a cabo unha formación telemática para profesionais de primaria. 

Plan de Saúde Mental

Así mesmo, García Comesaña adiantou que, antes de rematar o mes, o Consello da Xunta autorizará a convocatoria da cobertura de 120 prazas do Plan de Saúde Mental, para reforzar a atención das consecuencias desta pandemia na poboación.

Os grupos da oposición coinciden en que a mellor estratexia contra a covid é vacinar moito, rápido e ben, pero din que para iso é necesario máis persoal sanitario. Tamén piden actualizar os protocolos de actuación ante a aparición de novas variantes do virus.