O Sergas pide a asistencia aos cribados na Coruña para frear a transmisión comunitaria
Unha das principais ferramentas de contención da pandemia son os cribados, que permiten detectar asintomáticos e frear a transmisión. O máis grande dos que se desevolven en Galicia é o da Coruña, ao que están chamadas 150.000 persoas. Comezou esta fin de semana, pero a participación non acadou nin o 50%., un dato que as autoridades sanitarias esperan mellorar nas próximas xornadas.
Hoxe é quenda dos barrios dos Mallos, Matogrande, Elviña e Novo Mesoiro: o macrocribado da cidade da Coruña require cada día a colaboracióna activa de entre 4.500 e 5.000 veciños, que son chamados a unha proba de antíxenos.
É unha cuestión de responsabilidade pública, opina algún dos convocados. Porque, con incidencias tan altas, non abonda seguir os contactos. Detectar os que contaxian sen sabelo é fundamental para interromper a expansión do virus.
Pilar Farjas, membro do comité clínico, explica que os cribados son unha ferramenta importantísima: "A transmisión está sendo comunitaria: non sabemos como se está movendo o virus. Pero ten un compoñente tamén individual. A mellor maneira de previr os nosos conviventes, a nosa familia, é participar nos cribados, porque se somos e non o sabemos estamos a infectar a nosa familia".
Engade que aínda que estean a diminuír os casos activos, non é momento para ningun tipo de concesión nin compracencia: "Esta semana vai ser o maior número de ingresos hospitalarios e neste momento o obxectivo de todos os grupos de traballo é acelerar a curva de descenso. Porque os casos nos hospitais acumúlanse semanas".
Non se espera por iso cambio ningún nas restricións e si intesificación nos cribados e as medidas de contención da pandemia.