CRTVG

Buscar

O Sergas notifica unha ducia de positivos tras o cribado na área sanitaria de Vigo

Publicado o 23/12/2020 17:00
O Sergas notifica unha ducia de positivos tras o cribado na área sanitaria de Vigo

O Servizo Galego de Saúde notificou unha ducia de persoas sen síntomas clínicos de covid-19 que deron positivo nos últimos cribados que se levaron a cabo na área sanitaria de Vigo.

Dous deles foron localizados en Cangas, onde se citaron 3.000 persoas para someterse voluntariamente a un test PCR, aínda que se presentaron 1.661 persoas, pouco máis da metade. Estes datos supoñen un 55,3% de participación, segundo informou o Sergas.

Os veciños de Gondomar, pola súa parte, mostráronse máis participativos. Citaron 2.500 persoas, das que finalmente acudiron 1.556, o que supón un 62,24%. Nesta localidade deron positivo outras seis persoas.

Na parroquia redondelana de Chapela, presentáronse o 64,69% dos citados, un total de 1.035 das 1.600 persoas convocadas. Neste cribado deron positivo catro persoas.