CRTVG

Buscar

As vítimas pola pandemia en Galicia son xa 2.213 tras sumar oito falecidos máis

Publicado o 25/02/2021 20:07
As vítimas pola pandemia en Galicia son xa 2.213 tras sumar oito falecidos máis

As vítimas da pandemia en Galicia elévanse a 2.213 despois de que as autoridades sanitarias confirmasran este xoves o falecemento doutras oito persoas que foran diagnosticadas coa covid-19.

Segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade, só un destes falecementos tivo lugar este xoves. Trátase dun home de 74 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Así mesmo, Sanidade dá conta de cinco mortes rexistradas o mércores, día 24. Así, informa do falecemento dunha muller de 76 anos e doutra de 87 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); dun home de 53 anos e dunha muller de 90 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), e dun home de 74 no Hospital de Universitario Lucus Augusti (HULA).

Por último, tamén comunica as mortes rexistradas o pasado martes, día 23, dun home de 88 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), que procedía da residencia Castro Lareira de Salceda de Caselas; así como dun home de 91 no seu domicilio de Arteixo.

Segundo a información da Consellería de Sanidade, todos estas persoas presentaban patoloxías previas.

Noticias web

25/02/2021