O Sergas merca 2,7 millóns de test de antíxenos para empregar nas residencias
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a compra dun total de 3 millóns de test de antíxenos, dos cales 300.000 xa se están empregando en atención primaria e urxencias, e outros 2,7 millóns empezaranse a usar nas residencias de maiores.
Con estes test seguiranse realizando cribados nestes centros, segundo asegurou en resposta a unha pregunta do BNG na sesión de control ao Goberno no pleno do Parlamento, en que defendeu a reforma da lei de saúde de Galicia, exposta polo PP, fronte ás críticas da portavoz nacionalista, Ana Pontón, que pediu a súa retirada.
Nun debate no que Pontón censurou que esta proposta lexislativa non incorpora "medidas" máis aláde "sancións" e acusou a Feijóo de tratar aos galegos como "sospeitosos" no canto de recoñecer o seu "esforzo" na pandemia, o presidente galego defendeu o proxecto e reivindicou as decisións tomadas polo seu Goberno fronte á covid-19.
Así, aproveitou para anunciar que ao 300.000 test de antíxenos comprados e que se usaron en Primaria e Urxencias, sumaranse outros 2,7 millóns deste tipo de test que se empezarán a utilizar --segundo concretaron posteriormente fontes do Executivo autonómico-- nas residencias de maiores.
Precisamente, Pontón instárao previamente a "blindar" os centros xeriátricos, que sofren o impacto máis forte da pandemia, cunha "intervención pública" e a tomar máis medidas, como articular un plan de continxencia para a vacinación da covid, co fin de evitar que se repita "o fracaso" da vacinación da gripe en Galicia.
Feijóo replicou ás críticas sobre o "fracaso" da campaña da gripe lembrando que, a pesar de que se compraron 200.000 dose máis, no que vai de campaña vacináronse un 38 por cento máis de galegos que no exercicio anterior. E tamén lamentou a postura do BNG sobre a reforma da lei de saúde.
"Parécelle mal que sancionemos a quen incumpren a corentena e provocan contaxios?", preguntou, para engadir que Galicia é a "primeira" Comunidade que lexisla para combater unha pandemia. Ao tempo, subliñou que o Bloque debe ser "o primeiro grupo nacionalista" que rexeita esta vía e prefire rexerse polo estado de alarma que decrete o Goberno central.
Reforzo no persoal
Con vistas ao Nadal, o Servizio Galego de Saúde anunciou reforzos. Vai contratar de urxencia uns 1.200 profesionais sanitarios a maiores. Deles 750 serán contratos de enfermería. E o resto cubrirá necesidades en servizos clave para facer as probas e para garantir a atención dos pacientes, como os de microbioloxía ou persoal auxiliar..