CRTVG

Buscar

O Sergas garante a segunda dose de AstraZeneca para as persoas de 60 a 69 anos

Publicado o 10/05/2021 12:34
O Sergas garante a segunda dose de AstraZeneca para as persoas de 60 a 69 anos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, garante a administración da segunda dose a todas aquelas persoas que recibiron a primeira pauta da vacina contra a covid-19 de AstraZeneca. Porén, lamenta que a Unión Europea non vaia renovar o contrato coa farmacéutica máis aló do mes de xuño.

Os problemas para cumprir coas reparticións estipuladas no contrato con Bruxelas mantiveron enfrontadas dende hai meses a compañía coa Comisión Europea. De feito, estaba previsto que durante o primeiro trimestre do ano entregase 120 millóns de doses aos estados membros e só repartiu 30 millóns.

Segundo declarou o conselleiro nun almorzo socio-sanitario organizado por Europa Press, "é unha mágoa non aproveitar o potencial dunha empresa europea que, ademais, noutros países da nosa contorna foi fundamental. Evidentemente, usaremos todas as vacinas que nos cheguen, pero cremos que nunha situación concreta como esta perder un actor importante é unha cuestión fundamental".

Grupo dos 60 aos 69 anos

Na última actualización da estratexia de vacinación estatal estableceuse a administración da vacina de AstraZeneca para o grupo dos 60 aos 69 anos. Este colectivo, segundo García Comesaña, ten garantida a segunda dose da mesma marca.

Menores de 60 coa primeira dose

O que queda por determinar é o soro que se lle vai inocular ás persoas menores de 60 que recibiron unha primeira pauta de AstraZeneca. O Goberno galego, partidario de usar a mesma vacina (tras a recomendación da EMA), está pendente do que decida o Ministerio de Sanidade. 

O Goberno central encargou un ensaio clínico sobre a combinación da vacina de Oxford coas que utilizan a chamada "tecnoloxía mensaxeiro", como son Pfizer ou Moderna.

En Galicia hai 170.000 personas que recibiron a primera dose desta vacina. Delas, 60.000 son menores de 60 anos e 110.000, maiores desa idade. García Comesaña confía en que a rescisión do contrato coa farmacéutica a partir de xuño non afecte.

As comunidades autónomas teñen nas neveiras nestes momentos máis de 900.000 unidades do soro de AstraZeneca, case o 20 % dos 5,3 millóns repartidos polo Ministerio de Sanidade.