CRTVG

Buscar

O Sergas fará un cuestionario para coñecer as secuelas da covid-19

Publicado o 15/04/2021 20:02
O Sergas fará un cuestionario para coñecer as secuelas da covid-19

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou este xoves que, no marco das unidades poscovid, o Sergas enviará aos galegos que pasasen o coronavirus unha enquisa voluntaria sobre síntomas persistentes e secuelas. O obxectivo, explicou o titular de Sanidade na presentación do webinar 'Posta en marcha das unidades multidisciplinares postcovid-19', é "coñecer como se atopan tras superar a fase máis aguda" da enfermidade e determinar se é necesario a súa derivación a unha unidade postcovid, que tratarán de forma directa a aquelas persoas que estivesen hospitalizadas.

Estas unidades serán "multidisciplinares" e estarán en marcha este mesmo mes nas sete áreas sanitarias porque a atención "non finaliza unha vez os pacientes sexan dados de alta", explicou o conselleiro, que adiantou que tamén se contará cun "comité clínico poscovid" para os casos "máis complexos".

As unidades multidisciplinares, estarán compostas por un equipo de profesionais de diversas disciplinas, nas que o núcleo duro está conformado por especialistas en atención primaria, medicina interna, pneumoloxía e enfermería. A través delas, avaliaranse e trataranse os efectos da patoloxía a medio e a longo prazo nas persoas que padeceron covid-19, e que en Galicia son preto de 115.000.

García Comesaña apuntou que os cuestionarios aos pacientes servirán para estudar as consecuencias da enfermidade e "ir un paso por diante" no coñecemento da enfermidade en tanto que se profundará "nos síntomas persistentes e nos de nova aparición". A información, dixo o responsable de Sanidade da Xunta, "permitirá saber máis e mellor sobre a repercusión da covid na calidade de vida". 

Copiar

Noticias web

15/04/2021