CRTVG

Buscar

O Sergas fará outro cribado no porto de Vigo e vixía o gromo con 46 positivos nunha conserveira de Cangas

Publicado o 13/05/2021 19:49

Os últimos datos facilitados polo Sergas deixan na área sanitaria de Vigo un total de 859 casos activos, 37 persoas hospitalizadas,13 na unidade de coidados intensivos, e 36 novos contaxios confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Por iso nesta área sanitaria continuarán os cribados. O próximo luns a lonxa do Porto de Vigo acollerá un deles. O obxectivo é que participen de xeito voluntario os 200 operarios das empresas en que traballan os 21 positivos por covid−19 que xa se detectaron noutro cribado que se realizou no porto vigués hai tan só catro días. O Sergas xa está a analizar estes casos para descartar que teñan relación cos gromos detectados entre os mariñeiros que chegaron a Vigo a bordo de dous mercantes.

Os casos activos en Galicia sitúanse en 2954, case cen menos ca onte. Baixan tamén os ingresos en planta, e na UCI a situación é estable. A área de Vigo segue a ser a que rexistra mais casos. Preocupa o gromo nunha conserveira de Cangas con 46 positivos; son 16 traballadoras as infectadas, e o resto, familiares e amigos cos que tiveron contacto.

Outro dos municipios que cómpre vixíar de preto é o de Tomiño, que ofrece un aumento lento pero diario de casos. Por iso as restricións que se lle aplicaron o pasado venres seguirán en vigor cando menos unha semana máis.

Quen si logra un respiro é Vigo, a única gran cidade galega que non estaba coas restricións máis baixas. Dende mañá ampliaranse as ocupacións da hostalería, cun 50 % da capacidade no interior e un 75 % nas terrazas.

En Vigo continúan hospitalizados doce dos dezaoito mariñeiros contaxiados de covid−19, que chegaron a bordo de dous mercantes. En oito deles está confirmada a variante india. Son os positivos do Prometeus Leader, que xa rematou a corentena e que, cunha tripulación de substitución, abandonará nas próximas horas o porto vigués con destino a Bélxica. As áreas da Coruña, Pontevedra, Santiago, Ourense, Lugo e Ferrol son, por esta orde, as que seguen a de Vigo en maior numero de casos.

Noticias web

13/05/2021