CRTVG

Buscar

O Sergas dá por controlado o gromo do Multiúsos de Santiago, con 30 casos

Publicado o 04/09/2020 18:36

• Carballo rexistra 81 casos

O Sergas dá por controlado o gromo do Multiúsos de Santiago, con 30 casos

O Sergas dá por controlado o brote de covid-19 con orixe no Multiúsos Fontes do Sar, en Santiago, que se mantén en 30 casos positivos.

Fontes da área sanitaria informan de que todas as probas PCR realizadas nas últimas horas a usuarios e traballadores tiveron resultado negativo.

Polo tanto, este gromo continúa con 30 positivos, dous deles traballadores do complexo deportivo, que xa cancelou as clases con monitores nas que asegura que se focalizó o brote.

Trece hospitalizados na área sanitaria de Santiago

O parte da área sanitaria de Compostela e Barbanza a 4 de setembro indica que os casos activos ascenden a 673, con 13 hospitalizados no Clínico, un deles nunha unidade de críticos.

Os pacientes curados sitúanse en 1.993 e as PCR realizadas en 54.606, de acordo coa información que trasmiten estas fontes sanitarias.

A xustiza avala as restricións da Xunta

Un xulgado ratifica as restricións acordadas pola Xunta para conter a propagación do coronavirus en Santiago e Santa Comba. Restricions que tamén están en vigor en Carballo e A Laracha. Na capital de Bergantiños, onde hai 88 casos de coronavirus, realizouse este venres un cribado entre os colectivos con maior risco de contraer o virus. Na Laracha hai 32 casos.