CRTVG

Buscar

O Sergas convoca 31.000 persoas que xa pasaron a covid para vacinarse

Publicado o 04/09/2021 15:23

"Esta xa é para a segunda dose. A verdade é que para a primeira penseino, con toda a incerteza que había, esta das embarazadas..., pero desta vez xa veño máis tranquila e vendo que se pode complicar se collo a covid, mellor coa vacina".
Coma esta moza, que se atopa na recta final do embarazo máis de 8.000 persoas están convocadas para vacinarse este sábado na cidade da Cultura en Santiago. Algo máis da metade están citados para pór a primeira dose. O resto completará a pauta cunha segunda inxección de Pfizer e entre eles xa moitos estudantes a piques de comezar as clases.

"Si, empezamos xa o luns pero mellor ser precavido, e máis no meu caso que vivo con miña avoa e sempre hai que ter máis coidado". "Tranquilidade para toda a familia, teño un irmán cunha cardiopatía e que el estea vacinado e os máis tamén, dá tranquilidade", explican dous mozos.
"Hoxe temos uns oito mil citados, máis cantidade que as que estivemos tendo nas outras xornadas. Temos 22 puntos de vacinación abertos", di María José, enfermeira coordinadora da vacinación en Santiago.

Día de ampla actividade nas sete áreas sanitarias, onde o Sergas convocou máis de 31 mil persoas que pasaron a infección da covid e xa teñen a alta médica.
"Inicialmente xente que pasou a covid, previamente a non ter ningunha dose administrada, recomendábaselle esperar seis meses a vacinarse e pór unha única dose, agora como xa temos un pouquiño máis de dispoñibilidade de doses, vemos que a variante Delta tamén está aumentando a incidencia, recomendouse quitar esa recomendación de esperar seis meses e xa poder vacinarse dende a alta".

Na área sanitaria de Santiago e Barbanza hai citadas máis de 10 mil persoas, pero hai 7.000 máis, por exemplo na de Pontevedra e en Ourense superan ás 2.000.

Noticias web

04/09/2021