CRTVG

Buscar

O Sergas convoca profesionais da hostalería e taxistas a un cribado en Pontevedra

Publicado o 02/06/2021 13:11
O Sergas convoca profesionais da hostalería e taxistas a un cribado en Pontevedra

O Servizo Galego de Saúde convocou 830 profesionais do sector da hostalería e 93 taxistas da área sanitaria de Pontevedra para participar nun cribado masivo para detectaren persoas portadoras da covid-19 asintomáticas.

As probas realizaranse os vindeiros 5 e 6 de xuño no punto PCR habilitado no aparcadoiro do Hospital Provincial.

O obxectivo do cribado, segundo as autoridades sanitarias, é evitar posibles infeccións por coronavirus nestes dous grupos específicos, que desenvolven o seu labor cun alto grao de mobilidade e intercambio de xente.

Na contorna do hospital habilitarase un circuíto diferenciado de acceso e saída, para evitar concentracións, e as citas serán graduais.

O servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra analizará as mostras recollidas e os resultados comunicaranse mediante mensaxe telefónica.

Sanidade só se poñerá en contacto directo coas persoas que dean positivo para proceder ao seu illamento e ao rastrexo dos contactos.

Noticias web

02/06/2021