O Sergas convoca a poboación de Tomiño a un cribado no covid-auto de Vigo

O Servizo Galego de Saúde e o Concello de Tomiño convocaron a todos o tomiñeses a someterse a unha proba diagnóstica PCR no covid-auto do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, dada a elevada incidencia da covid-19 rexistrada nos últimos días nesta localidade.
A convocatoria forma parte da estratexia da área sanitaria de Vigo de realizar cribados poboacionais a persoas asintomáticas para tratar de detectar posibles positivos pero sen síntomas clínicos, subsceptibles de contaxiar o virus.
Durante a tarde deste mesmo mércores levaranse a cabo as primeiras probas a persoas que de forma voluntaria decidan realizar a PCR, para o que deben inscribirse nun listado publicado polo Concello de Tomiño e esperar despois a chamada do Sergas.
Con este procedemento, di o Sergas nun comunicado, garantirase unha maior participación no cribado masivo, xa que se alguén se apunta voluntariamente, presupón que non faltará á cita.
Desde que se activou a inscrición esta mesma mañá, rexistráronse xa 900 persoas.