CRTVG

Buscar

O Sergas convidará a participar nun cribado que comezará este luns a 3.000 veciños de Mos

Publicado o 08/01/2021 19:38
O Sergas convidará a participar nun cribado que comezará este luns a 3.000 veciños de Mos

O Sergas comezará este luns a realización dun cribado no que convidará a participar a 3.000 residentes en Mos (Pontevedra) para detectar casos asintomáticos de covid-19. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, confirmou que a Consellería de Sanidade comunicoulle a súa intención de levar a cabo un estudo para analizar a situación da localidade tras a finalización do período do Nadal, segundo detallaron fontes municipais.

O obxectivo é detectar portadores asintomáticos "con único fin preventivo", tal e como se levou a cabo noutros municipios da área sanitaria de Vigo. En concreto, a realización deste cribado dará comezo este luns, 11 de xaneiro, pero as chamadas para as citacións efectuaranse a partir deste sábado.

Deste xeito, o Sergas convidará a realizarse a proba PCR a 3.000 persoas domiciliadas en Mos, unha cifra establecida de acordo co número de habitantes da localidade e a incidencia da enfermidade na mesma. Nos últimos meses, a área sanitaria de Vigo realizou cribados a residentes en distintos puntos da cidade olívica, así como nos municipios de Tui, Moaña, Cangas do Morrazo, Tomiño e Redondela.