CRTVG

Buscar

O Sergas continúa esta fin de semana coa campaña de vacinación masiva

Publicado o 17/04/2021 20:04

Grupos de 70 a 79 anos e grandes dependentes, obxectivos para a semana

• Os docentes galegos que non recibiron ningunha dose (o 16%) serán inmunizados cando lles toque por idade

Nas diferentes áreas sanitarias galegas continúa esta fin de semana a vacinación masiva. En Santiago, na Cidade da Cultura, estaban chamadas esta mañá 2.500 persoas de entre 60 e 65 anos para recibir a primeira dose de AstraZeneca.

Andrés Vázquez. Enfermeiro do equipo de vacinación de atención primaria:
"O ritmo está a ser bo, a xente está a acudir, pero non se están a formar colas"
Os cidadáns acudían convencidos da importancia da vacinación e contentos de recibir xa a primeira dose: "Eu estou feliz, ten que poñer a vacina todo o mundo", di unha muller vacinada. E esta mañá, entre os novos vacinados, o noso compañeiro da TVG, o xornalista Pemón Bouzas. "Non só me protexo eu, protexo os meus compañeiros, amigos, familiares..."

Tamén están a vacinar no hospital Clínico de Santiago e no de Conxo pacientes de risco.
Na área sanitaria da Coruña e Cee teñen previsto administrar este sábado máis de 5.400 doses en diferentes puntos de vacinación coma no CHUAC ou no recinto feiral de Expocoruña.
Na área de Pontevedra e O Salnés tamén continúan coa campaña. Durante toda a fin de semana administrarán unhas 4.100 doses das vacinas de AstraZeneca e de Pfizer.
En Lugo, esperan chegar ás 5.400 doses entre o sábado e o domingo.

Este sábado é a quenda de persoas de entre 60 e 65 anos. No hospital Lucus Augusti, por exemplo, dispensan este sábado unhas 1.400 doses.

Noticias web

17/04/2021