CRTVG

Buscar

O Sergas considera a posibilidade de ter que derivar pacientes da Coruña a Lugo

Publicado o 01/02/2021 09:58

Na área sanitaria da Coruña e Cee, os pacientes ingresados con coronavirus aumentan día tras día. Hai máis de  400 persoas hospitalizadas.

As autoridades sanitarias seguen con especial atención a situación nas unidades de coidados intensivos, onde hai 82 enfermos críticos, tres máis que o sábado e máis do dobre que hai unha semana.

Na xerencia do Sergas temen que se o ritmo de ocupación continúa con esta progresión os hospitais da área sanitaria poidan quedar sen camas.

"Está no límite de empezar a fase catro e aínda tería por diante 20, 25 camas para  atender pacientes críticos. Sen chegar a ese límite sería cando empezar a contemplar que Lugo asuma moitos pacientes", asegura Xosé Manuel Flores, xerente do Sergas.

De momento non foi necesario derivar pacientes a outras áreas sanitarias, pero o incremento de casos activos, que superan os 6.000, non é un dato alentador. O xerente do Sergas asegura que dende hai semanas os hospitais coordínanse a diario para dar servizo a toda Galicia como un único centro hospitalario.

"Imos poñer toda a rede nese concepto de hospital único galego a disposición de todos os galegos que o poidan necesitar", di Flores.

Nas últimas horas morreron sete persoas no CHUAC, a área sanitaria supera o medio cento de falecidos no que vai de semana.

Noticias web

01/02/2021