CRTVG

Buscar

O Sergas, molesto co Fuenlabrada e coa Liga por coñecer os catro novos positivos pola prensa

Publicado o 23/07/2020 21:47

O Fuenlabrada informou este xoves de que outros catro xogadores do club madrileño deron positivo por coronavirus. A eles poderíase engadir un quinto que deu un resultado "inconcluínte", nos tests a que foron sometidos pola Xunta de Galicia.

O club madrileño, a través dun comunicado oficial publicado na súa páxina web, ofreceu as novas cifras, que elevan a dez o número de contaxiados na expedición que viaxou a Galicia para enfrontarse ao Deportivo e suma un total de catorce positivos ao engadir as catro persoas que quedaron en Madrid.

"Este xoves á tarde comunicáronse catro casos máis de COVID-19 e un quinto inconcluínte, que presenta síntomas e á hora deste comunicado está en proceso de aclaración. A falta de confirmación cos resultados que no día de hoxe realizou a Xunta de Galicia, o número de contaxiados na expedición ascendería a dez máis as catro persoas que quedaron en Madrid", informou o Fuenlabrada.

Os xogadores foron sometidos nas últimas horas a dúas novas probas. Unha foi encargada pola Liga e a outra pola Xunta de Galicia, que, segundo o Fuenlabrada, é a que lanzou os novos positivos. 

A Xunta, molesta por coñecer os resultados pola prensa

A Xunta cargou contra LaLiga e o Club de Fútbol Fuenlabrada polos incumprimentos de forma "reiterada" da normativa sanitaria que obriga a comunicar ás autoridades competentes a existencia de enfermidades infectocontaxiosas, como é o caso da COVID-19.

Nun comunicado emitido tras o anuncio do Fuenlabrada de catro novos positivos na súa expedición na Coruña e a existencia un quinto caso sospeitoso pendente de confirmar, a Consellería de Sanidade expresou o seu malestar por coñecer os feitos a través da prensa.

Desta maneira, a versión ofrecida por Sanidade difire da compartida polo club, que expresou nun comunicado que as probas foran realizadas pola Xunta. A Dirección Xeral de Saúde Pública do Goberno galego enviou cadansúa carta aos presidentes de LaLiga, Javier Tebas, e do CF Fuenlabrada, Jonathan Praena, en que lembra a obriga de comunicar "de forma urxente e prioritaria" ás autoridades sanitarias competentes (é dicir, as comunidades autónomas) a realización de probas diagnósticas.

Nesta liña, lamenta que LaLiga e o club "reincidan" na realización de tests de COVID-19 sen poñelos en coñecemento da Consellería de Sanidade, o cal supón un incumprimento da normativa vixente. Daquela, reitera que a Consellería de Sanidade, en virtude da súa condición como autoridade sanitaria competente en territorio galego, continuará "aplicando de maneira estrita todas as medidas que sexan necesarias, baseándose, única e exclusivamente, nos resultados que sexan obtidos polos laboratorios públicos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS)".

Por último, o departamento que encabeza o conselleiro en funcións Jesús Vázquez Almuiña informa de que a falta de comunicación dos tests realizados aos membros da expedición e mais os resultados destes serán incorporados ao expediente aberto o pasado luns por parte dos servizos de inspección de Saúde Pública.

Denuncia do Concello da Coruña ante a Fiscalía

O Concello da Coruña xa presentou denuncia ante Fiscalía ao considerar que houbo delito contra a saúde pública na viaxe do Fuenlabrada. "Queremos aclarar se houbo coñecemento previo desta situación. Se se podía entender que había un brote por que non se comunica ás autoridades sanitarias de Madrid? Por que se toma a decisión de que o club viaxe á cidade?", pregúntase Inés Rey, alcaldesa da Coruña.

Un grupo de accionistas do Deportivo presentou tamén unha denuncia contra a Liga de Fútbol e o Fuenlabrada. Alegan que se incumpriu o protocolo sanitario. A asociación de futbolistas profesionais intenta manter á marxe os xogadores. "Os xogadores o único que fixeron foi seguir o protocolo aprobado pola Liga e avalado por Sanidade", defende o secretario xeral da AFE.

O Goberno insiste en que hai que revisar o que fallou neste caso. Tamén preocupa a repercusión turística e económica na cidade. "Se hai base para facer reclamacións a Cámara de Comercio da Coruña está disposta a chegar ata as últimas consecuencias", di o seu presidente. A Confederación de Empresarios amosou tamén o apoio ás medidas legais que se emprendan pola viaxe do Fuenlabrada.


Noticias web

23/07/2020