CRTVG

Buscar

O Sergas comeza a citar para poñer a primeira dose da vacina as persoas de 70 a 74

Publicado o 17/04/2021 08:46

• Os docentes galegos que non recibiron ningunha dose (o 16%) serán inmunizados cando lles toque por idade

• 82 sociedades científicas pídenlles aos políticos que non atrasen a vacinación

O Servizo Galego de Saúde iniciou a citación das persoas de entre 70 e 74 anos, en concreto as nadas entre o ano 46 e o 51, para poñer a primeira dose da vacina contra a covid-19 a partir da próxima semana. A este grupo de idade correspóndelle, como se fixo coas persoas máis maiores, o soro de Pfizer.

Comezan a citalas por mensaxe SMS aos móbiles para acudir a partir de sábado e domingo, pero o groso delas terán cita a partir do luns, coincidindo coa chegada dunha nova remesa de vacinas. Así que a recomendación é que todos nesa franxa de idade teñan actualizados os seus datos de contacto.

As citacións inícianse unha vez que xa foron convocadas as persoas do grupo de idade que vai dos 75 aos 79 anos, que nos próximos días deberían ter posta a primeira dose da vacina.

Os docentes sen vacinar serán inmunizados cando lles toque por idade

Galicia vacinou contra a covid-19 ao 86 por cento do persoal da comunidade educativa, entre docentes e persoal non docente, pero todos aqueles que non chegaron a recibir ningunha dose, o 16 por cento do persoal docente, xa non será inmunizado por ser colectivo esencial, senón que o fará cando lle toque polo seu grupo de idade.

Fontes do Goberno galego confirmaron que este é a pauta que se seguirá, co cal enmarcan nun criterio do Ministerio de Sanidade, parámetros que se discuten na comisión de saúde específica aberta no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Segundo os datos de Sanidade, actualmente recibiron a primeira dose máis de 39.000 docentes (o 84 por cento do total) e outros preto de 4.300 traballadores non docentes que desenvolven a súa actividade nos centros educativos (o 88 por cento do total). O 16 por cento dos docentes que non recibiron ningunha dose e o 12 por cento do resto de persoal irán agora por criterio de idade, cando lles toque, co resto da poboación xeral.

A doutora Carmen Durán informou que en ningún dos vacinados destes colectivos declarados esenciais, para os que se reservou ata agora o medicamento de AstraZeneca, se detectou ningunha reacción adversa grave, así como tampouco no conxunto da poboación galega.