O Sergas chamará as 157.000 persoas que aínda non teñen ningunha dose da vacina
O proceso de vacinación masiva vai esmorecendo para dar paso á administración da terceira dose e á vacinación de nenos e nenas de cinco a doce anos. Por iso os, grandes recintos substitúense polos hospitais de referencia de cada área sanitaria.
Expourense ou IFEVI pecharon xa as portas mentres Expocoruña, Fexdega ou a Cidade da Cultura esgotan as últimas horas de funcionamento, tamén o recinto feiral de Pontevedra. O equipo sanitario encargado do penúltimo operativo de vacinación conta que hai reservadas 19 citas previas, 15 á mañá e catro á tarde.
Unha desas persoas con cita é Samanta, natural da illa venezolana Margarita e residente en Paredes. Hoxe aínda recibe a primeira dose de Pfizer. O Sergas tiña un número de teléfono que non era o dela.
Este sábado, vacináronse 6.449 persoas e 3.028 recibiron a súa primeira dose. En Galicia hai algo menos de 157.000 persoas que aínda non recibiron ningunha inxección. O que si van recibir é unha chamada do Sergas.
No Recinto feiral de Pontevedra tamén se administrou a terceira dose a persoas inmunodeprimidas. É o caso de Santiago, que leva vivindo 27 anos co fígado transplantado.