CRTVG

Buscar

O Sergas agarda rematar a vacinación de maiores de 80 en maio

Publicado o 22/02/2021 13:35

En toda Galicia hai unhas 230.000 persoas maiores de 80 anos que non viven en residencias. Este luns empezaron a recibir a vacina contra o coronavirus nos seus centros de saúde de referencia.

"É moi importante que veñan á hora que están citados. Que non veñan con moita antelación nin atraso. O máis puntuais posible", lembra Verónica Civeira, coordinadora dos equipos de vacinación na área sanitaria de Ourense.

O obxectivo é evitar aglomeracións porque, despois de recibir a vacina, teñen que agardar uns quince minutos por se lles fai reacción.

"Nesta área sanitaria non tivemos ningunha reacción grave. Algunha dor de cabeza ou muscular, como pode provocar calquera outra vacina, pero de pouca duración", salienta.

A vacina que se lle pon a este grupo de poboación é a de Pfizer, a primeira que foi aprobada. Hai que almacenala a 80 graos baixo cero, pero cando chega aos centros de vacinación xa vén desconxelada. Aquí comproban que está en boas condicións antes de inxectala.

Os que xa a recibiron animan aos que aínda teñen dúbidas. O Servizo Galego de Saúde calcula que a primeiros de maio, todas as persoas maiores de 80 anos xa estarán vacinadas.

Noticias web

22/02/2021