A vacinación dos maiores nas residencias de Galicia rematará en dúas semanas
• Administrará este mércores 6.500 terceiras doses en residencias de maiores
• Sanidade trata de localizar a todos os galegos que están sen vacinar para ofrecerlles facelo.
• Fabiola García: "A dose extra daralles confianza ás persoas maiores"
EFE/Xoán Rey.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) arrincará este mércores a administración de terceiras doses en residencias de todo o territorio galego. En total, poranse 6.574 inxeccións para reforzar a inmunidade dos maiores, segundo datos proporcionados polas sete áreas sanitarias e recolleitos por Europa Press.
O 27 de decembro de 2020 foi a primeira en recibir a vacina da covid. Hoxe Nieves Cabo foi a primeira usuaria de residencia de maiores en ter posta a dose de reforzo.
Agradecida por gañar en tranquilidade e poder recuperar plans de vida. Conta que chamou a súa filla de Madrid para contarlle que lle ían poñer a terceira dose e que en novembro irá a visitala.
Despois de Nieves, puxéronlles a terceira dose aos 61 compañeiros da residencia Porta do Camiño. En pouco tempo o reforzo chegará aos 22.000 maiores que viven nos xeriátricos galegos.
"Entendemos que os residentes de todos dos centros sociosanitarios de Galicia poderán ser vacinados nos próximos 15 días", informaba a directora xeral de Saúde Pública Carmen Durán. E o director xeral de Atencion Integral Sociosanitaria explicaba por que se están poñendo estas terceiras doses: "Sabemos que existen determinadas vacinas que ao cabo dun certo tempo decae a inmunidade, sobre todo en xente con procesos de inmonodepresión e xente maior que ten o sistema inmunitario está debilitado", aclaraba Antón Acevedo.
O resto das persoas inmunodeprimidas irán tamén recibindo a terceira en función do que permitan os seus tratamentos. Para o resto da poboación continuará habendo a posibilidade de ir vacinarse sen cita ou con cita previa. E farase un último esforzo para animar os máis reacios. "Estamos nun momento de localizar un por un a todos os que non se vacinaron para establecer comunicación directa con eles por teléfono e darlles unha última oportunidade de facelo durante estes días" aseguraba Carmen Durán.
O obxectivo, acadar a maior porcentaxe posible de poboación vacinada contra a covid.