O Senado aproba definitivamente a lei Celaá sen incorporar ningunha emenda
O proxecto de lei orgánica de modificación de LÓEA, a Lomloe ou lei Celaá, quedou definitivamente aprobado este mércores, véspera de Noiteboa, no último pleno do Senado de 2020, sen que se lle incorporou ningunha emenda na Cámara Alta e queda derrogada a Lomce ou lei Wert.
A nova lei educativa, a oitava aprobada en democracia, sae adiante por 142 votos a favor, 112 en contra e 9 abstencións co mesmo texto que chegou do Congreso. Agora debe publicarse no Boletín Oficial do Estado (BOE).
Apoiaron o texto final da lei PSOE, ERC, PNV, Compromís, Mes per Mallorca, Adiante Andalucía, Geroa Bai, Más Madrid e En Comú Podem.
En contra votaron PP, Cs, Vox, Coalición Canaria, UPN, PAR e Partido Rexionalista de Cantabria.
Abstivéronse Junts per Catalunya, Teruel Existe e Bildu.
A ministra de Educación, Isabel Celaá, mostrouse ao termo do pleno moi emocionada porque a Lomce ou lei Wert "xa é pasado" e agora dáse a "benvida" á Lomloe, que busca a equidade e a excelencia.
Na votación, que acabou con aplausos, estivo arroupada por varios compañeiros do Executivo: Fernando Grande-Marlaska, Nadia Calviño, Teresa Rivera e José Luis Ábalos. Asegurou que a nova lei permite "avanzar" a todo o alumnado e que se sustenta en cinco principios: o interese do menor, a personalización do ensino, a coeducación, o desenvolvemento sostible e a dixitalización.
Para PP, Cs, Vox e UPN, a lei "nace morta" e critican especialmente a falta de "consenso" ou que o Goberno "se haxa vendido aos separatistas", quitando o castelán como lingua vehicular, para sacar adiante esta norma. Ademais, rexeitaron especialmente que se "ataque" á "liberdade" dos pais para elixir centro, ao ensino concertado, os centros de Educación Especial ou a Relixión.
A nova norma impón límites á educación concertada, elimina as reválidas e o carácter avaliable da relixión e tampouco contempla o castelán como lingua vehicular.
Para Lorena Roldán, de Ciudadanos, é "unha lei que ameaza os dereitos da cidadanía e o futuro de toda unha xeración de alumnos e, probablemente, unha das leis con menos consenso da democracia".
O PP adianta que a derrogará cando chegue á Moncloa. Pablo Ruz, do PP, di que o farán "por liberticida, porque incumpre directamente a liberdade dos país para elixir o modelo educativo, porque ataca a educación especial, porque non nace do consenso senón do enfrontamento".
Isabel Celaá declarouse emocionada por unha lei, di a ministra, que busca a excelencia e a equidade: "significa abrir unha avenida de oportunidades alí onde a LOMCE tiña unha carreira de obstáculos".
Ante a anunciada rebelión dalgunhas autonomías, Celaá advertiu que os tribunais se encargarán de que a nova lei se cumpra.