O Senado emenda a lei de cambio climático para aclarar que non se recortarán concesións en vigor

O Pleno do Senado aprobou a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética coa inclusión de emendas, presentadas por Cs, que modifican o polémico artigo (20.4) relativo ás concesións no dominio público marítimo terrestre co fin de aclarar que non haberá efecto retroactivo.
Agora o texto devolverase ao Congreso dos Deputados para culminar a súa tramitación lexislativa, antes da súa remisión definitiva ao Boletín Oficial do Estado. Nun recente informe, o Consello Consultivo de Galicia concluíu que este artigo da lei de cambio climático era inconstitucional ao considerar que afectaría tanto os prazos de duración das concesións (e das prórrogas outorgadas) antes de que a norma entre en vigor como tamén a validez dos actos administrativos "ditados" ao amparo da normativa anterior.
Esta cuestión provocou que a Xunta anunciase que recorrería ao Tribunal Constitucional se non se modificaba o texto, pois considera que ten como fin limitar a duración das concesións da lei de costas, cunha derrogación do prazo de ata 75 anos de prórroga extraordinaria, e a posta en risco do sector mar-industria galego, ao seu xuízo.
Precisamente, esa palabra de "ditado" é a que se cambia agora na emenda aceptada no Senado coa redacción de que "se diten tras a entrada en vigor" para matizar que non haberá efectos rectroactivos.
Respecto diso, o coordinador dos socialistas galegos no Senado Xoaquín Fernández Leiceaga destacou que a aprobación desta emenda serve para "despexar calquera sombra de dúbida" que puidese haber sobre a retroactividade da norma, que se refira a "os actos que se diten" e non "aos ditados".
Nun comunicado, o socialista galego remarca que ningunha lei ten efectos retroactivos, pero opina que agora se exclúe calquera sospeita. Por todo iso, asegura que o sector pode ter "total tranquilidade".
Outra das emendas de Cs aceptadas pasa por matizar que, no caso das instalacións industriais, ese prazo de duración do título de concesión comezará a contar desde o inicio da actividade industrial para a que se concedeu ese permiso, no canto de facelo desde o outorgamento da concesión.