CRTVG

Buscar

O Sempre Güeto xa chegou remolcado a Ferrrol

Publicado o 19/06/2021 21:06

Salvamento Marítimo tiña a intención de remolcar o Sempre Güeto onte á tarde. Finalmente atrasaron o operativo ata este sábado porque había moito mar e moito vento, o que non favorecía obter un lugar de abrigo para o pesqueiro. A previsión, unha vez subsanados os problemas técnicos do seu remolque, é que estea en terra sobre as cinco.

O naufraxio produciuse o xoves ás dúas da tarde .

O cerqueiro Sempre Güeto, que estaba volvendo a Portosín, á casa, envorcou con dez tripulantes a bordo a algo máis de dúas millas náuticas da costa ártabra de Santo André de Teixido.

Oito dos dez tripulantes foron rescatados con vida polo barco Argote 2, que estaba, por sorte, a só unha milla. Outros dous tripulantes faleceron.

Outro cerqueiro de Corme rescatou con vida a Kikio Betanzos, de 47 anos, pero morreu ás poucas horas. Betanzos será soterrado esta mesma tarde en Ribeira.

O corpo do segundo falecido, Abdelkavir Aniba, de 43 anos, apareceu flotando no mar tras dúas horas de rastrexo dos equipos de salvamento.

As causas do accidente non están claras. Entre que o patrón detectou e comunicou por radio que o barco se escoraba e que non era posible endereitalo ata que se perdeu a comunicación e a embarcación quedou do revés, coa quilla á vista, pasou moi pouco tempo.

O barco ten 22 metros de eslora, é pequeno, pero á hora da traxedia barcos aínda máis pequenos navegaron sen problemas nas mesmas augas. Segundo Salvamento Marítimo había mar de fondo, vento do nordés de forza sete e ondas de ata tres metros.

Noticias web

19/06/2021