CRTVG

Buscar

O sector turístico agarda recibir 3 millóns de visitantes neste ano Xacobeo

Publicado o 03/01/2021 15:23

A pandemia levou o sector turístico galego á ruína, con perdas do 90 %, por iso ten moitas esperanzas depositadas neste 2021. Esperan poder comezar coa recuperación económica e para iso contan coa baza do Xacobeo. Aínda así, os primeiros meses serán complicados e cren que a reactivación comezará a partir do verán.

Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia: "Ata xullo non haberá unha recuperación como se debería, pero todo vai depender das vacinas, mentres a xente non perda o medo non comeza a viaxar, quedan seis meses que hai que vivir e apelamos ao sentido da responsabilidade dos nosos políticos para que fagan un inxección económica e que eses cartos cheguen ás empresas turísticas para poder manterse".

O sector recibiu con entusiasmo a decisión de que o Xacobeo se estenda durante todo o 2022. Para este 2021, as súas expectativas pasan por acadar a metade de turistas dos que estaría previsto que chegasen se non houbese pandemia.

Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia: "O plan turístico que fixera o Clúster de Turismo co sector empresarial turístico galego dicíanos que chegariamos aos seis millóns de visitantes no ano 2021, desde logo a situación coa pandemia muda totalmente. Pensamos chegar ao 50 %, uns 2 millóns e medio ou tres millóns de visitantes, que desde logo o sector veríao con moi bos ollos".

Desde o sector agardan que o ano santo compostelán sexa un escaparate que atraia as olladas dos turistas cara a toda Galicia, por ser, din, un destino sosegado, sostible e sen grandes masificacións.

Noticias web

03/01/2021