O sector marisqueiro de Muros e Noia pecha unha campaña moi positiva
As embarcacións amarradas no peirao do Testal evidencian o remate da temporada. Hoxe, a única actividade que se observa na contorna do principal banco marisqueiro de Noia é a posta a punto das lanchas tras seis meses de campaña.
Desde o inicio da campaña, en setembro do ano pasado, capturaron 2 millóns 345 mil quilos de bivalvos, o 75 por cento de berberecho, o produto estrela de Noia. Facturaron máis de dezasete millóns de euros, o mellor balance dos últimos anos, despois do ano pasado, en que chegaron preto dos vinte millóns de euros.
A extracción retomarase en setembro. Mentres tanto, os mariscadores traballan noutras artes e tamén no control de depredadores.
Dos bancos marisqueiros de Noia sae o 70 por cento do berberecho de Galicia. Aquí traballan, durante a campaña, uns 1.700 mariscadores, dos que máis de douscentos veñen doutras rías.