CRTVG

Buscar

O sector hoteleiro galego é moderadamente optimista respecto á campaña de verán

Publicado o 29/05/2021 14:42

O turismo vai tomando ritmo. Sen apenas límites aos desprazamentos, e co sol empezando a quentar anímanse os destinos máis visitados de Galicia, como Sanxenxo.
Unha boa noticia para os hoteis galegos, que aprecian a reactivación desde hai unhas semanas, e son moderadamente optimistas respecto á campaña de verán.

"Se nos comparamos co verán anterior, nunha situación máis complicada, observamos un ritmo de reservas moito mellor, que cremos que vén da man da vacina", explica Richard Huerta, presidente da asociación provincial de hospedaxe da Coruña.

Dinnos que é difícil aventurar cifras porque predominan as reservas de última hora. Pero cren que a campaña se sosterá sobre todo co turismo nacional e tamén co interno. "Creo que este ano é un pouco pronto para ter un impacto real do turismo internacional, pero cara ao ano que vén seguramente irase recuperando a un ritmo moito maior", vaticina Richard Huerta.

Desde o sector hoteleiro subliñan que Galicia ten todo o que se pide no momento actual, por ser un destino non masificado, sostible e verde, e confían ademais no tirón do ano santo. "Galicia calidade, aquí témolo todo.

O que vén a Galicia marcha sempre con morriña. Sempre queremos volver e esperamos que sexa así", destaca o presidente da asociación provincial de hospedaxe da Coruña.

Noticias web

29/05/2021