CRTVG

Buscar

O sector forestal busca manter a sinistralidade cero este ano

Publicado o 28/04/2021 19:35

A industria forestal galega abrangue 21.400 empregos directos repartidos entre 3.000 empresas. Con ese volume e cos riscos que supón a actividade é habitual que encabece as listas de sinistralidade laboral. En 2020 houbo 638 accidentes graves e tres persoas falecidas, superando unha vez máis o sector da construción. Pero os datos están a mellorar grazas aos plans de prevención integrados e ao asesoramento profesional externo.

"Teñen que talar e traballar á intemperie e por iso se necesita que os asesores en prevención estean ben formados e coñezan a realidade dos riscos da actividade", asegura  Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais

A formación en prevención de riscos tamén é clave. A Xunta destina medio millón de euros este ano a actividades formativas para manter esa sinistralidade cero que se prolonga dende xaneiro. As novas maquinarias e tecnoloxías tamén axudan. Aínda así, o traballo segue a ser de risco elevado e faise preciso un plan específico de prevención para cada zona de monte en que se traballe.

"A concorrencia de innovación tecnolóxica, incremento da cultura preventiva e formación preventiva creo que está servindo para que as empresas melloren os seus datos de prevención de riscos e de accidentabilidade", explica  Ignacio Lema, director da Axencia Galega de Industrias Forestais

O monte galego segue precisando de man de obra que estea formada na prevención de riscos e que saiba utilizar a nova maquinaria que está a chegar ao sector forestal.