O sector do xoguete anima a adiantar as compras de Nadal
A patronal xogueteira recomenda adiantar as compras da campaña de Nadal ante a posibilidade de que recrúe a situación sanitaria. Faino con dous obxectivos, por unha banda asegurar a dispoñibilidade do xoguete desexado e por outra solidarizarse coa tenda tradicional. A incerteza está a provocar que algúns xa empecen a pensar nos agasallos de Nadal para os máis pequenos
Rebeca Bolón Angeriz, encargada da xoguetería Din-Don: "Si, aquí a xente xa está vindo preguntar que é o que se leva, que é o que non se leva, veñen polo catálogo. Xa moitos están comprando porque teñen medo de que nos volvan confinar e que non poidan vir despois. Si que están adiantando as compras, non todo como o mes de decembro en si, pero si algo xa están adiantando".
Entre os consumidores están os previsores e os que non van modificar os seus hábitos nas compras doutros anos.
"Nós sempre somos moi previsores. Entón nesta campaña eu penso que faremos o mesmo ca antes. Eu creo que esta semana xa imos mirar algunha cosiña".
"En principio non imos cambiar a data porque pensamos que aínda que sexa non presencial non imos cambiar, preferimos presencial, pero aínda que non sexa presencial íase poder comprar igualmente".
Nalgunhas xogueterías xa están facendo rebaixas de ata o 5% para animar as compras, despois dos descensos encadeados nas vendas durante os meses de confinamento.