O sector do 'fitness' prepara unha demanda colectiva polas perdas da pandemia
Paula é a xerente dun pequeno ximnasio en Santiago. As restricións sanitarias obrigárona, como a moitos outros, a pechar o seu negocio. Un momento crítico para o sector, que acabou 2020 con perdas de facturación superiores ao 50 %, segundo explica Paula Correia, xerente do ximnasio Bemequer.
Por iso, o sector do fitness prepara unha demanda colectiva contra Goberno e as comunidades. Din sentirse esquecidos, e reclaman ser tidos en conta por ofrecer un servizo esencial para a saúde.
"Estamos pechados en 10 comunidades, cando os índices de contaxios nas nosas instalacións non chegan ao 0,5 por cento do total. Se non hai contaxios e aportamos beneficios, deberiamos permanecer abertos", explica Alberto García, xerente da Federación Nacional de Instalacións Deportivas (FNEID).
Tamén esixen un plan de axudas que lles permita sobrevivir. Se seguen así, din, nos vindeiros meses o 44 % das instalacións deportivas veranse obrigadas a pechar definitivamente.