CRTVG

Buscar

O líder da Fronte Polisario abandonou España desde Pamplona

Publicado o 02/06/2021 08:17

Tras case mes e medio ingresado no hospital de Logroño, pasadas as dez da noite Brahim Ghali abandonaba España nun avión fletado polo Goberno alxeriano. O líder da Fronte Polisario abandonaba España despois de declarar telematicamente ante a Audiencia Nacional por dúas querelas por delitos de lesa humanidade, xenocidio e torturas, entre outros. Ghali negou todos os delitos que lle atribúen. 

O xuíz Pedraz non lle impuxo medidas cautelares ao non apreciar indicios de delito nin risco de fuga, así que nin o enviou a prisión provisional nin lle retirou o pasaporte, como pedían as acusacións. Pero no Goberno de Marrocos insisten en que a marcha de Ghali non resolve a crise aberta con España. Nun terceiro comunicado dos ministerios de Exteriores e Interior, volven arremeter contra o Goberno español; acúsano de usar a cuestión migratoria, e, en particular, a dos menores non acompañados, como coartada para eludir as verdadeiras causas da crise entre os dous países veciños. Rabat asegura que a burocracia europea está demorando a volta dos menores. A situación levou o rei Mohamed VI a intervir publicamente: ordenou a repatriación dos que están en situación irregular tanto en España coma noutros países europeos. 

Con todo, o Goberno confía en que a alta diplomacia permita restablecer a normalidade e as boas relacións con Marrocos. Tanto Bruxelas como as Nacións Unidas instaron aos dous países a resolveren a crise con diálogo. O conflito esténdese máis aló de Ceuta. Pon en perigo o retorno a Marrocos dos milleiros de traballadores e traballadoras temporais que veñen a facer as campañas de recolección agrícola a España.

 

Noticias web

02/06/2021