CRTVG

Buscar

O Salón do Automóbil de Ourense abre as portas arrastrando a crise da covid e dos microchips

Publicado o 01/10/2021 14:17

Expourense acolle o Salón do Automóbil, con vehículos a prezos especiais. No último trimestre xa do ano, os concesionarios buscan fórmulas para mellorar as súas contas. As matriculacións descenderon un 30 % coa suma de dúas crises: a derivada da covid e a dos microchips.

Setembro non foi un mal mes para o sector da automoción, pero vén precedido de perdas con picos do 40 % nas vendas. Jorge González, xefe de vendas dun concesionario di que "baixamos case un 30 % o índice de matriculacións o ano pasado. O sector de flotas é o que nos está axudando a saír adiante".

Un ano, aseguran desde o sector, peor que o do confinamento: as vendas tras a pandemia seguen sen recuperarse e agora súmase a falta de compoñentes para abastecer o mercado.

Benito Fernández Nogueiras cre que "tras o confinamento tivemos unha escalada moi boa pero agora ralentizouse bastante polos semicondutores".

Ata o salón do automóbil chegan unha vintena de marcas que abranguen o 95% do mercado nacional. Queren dar a coñecer, ante todo, as novas posibilidades en enerxías alternativas.

Daniel Lago, xefe de vendas doutro taller di que "hai demanda, hai interese, hai incertidume e descoñecemento. O cliente ten interese pero non está ben informado. Non sabe cales son as ventaxas concretas de cada tecnoloxía para cada caso concreto".

Esta fin de semana, o salón é de vehículos novos e a próxima, de ocasión.

Noticias web

01/10/2021