CRTVG

Buscar

O Río Breogán amosa boa imaxe en Málaga pero sucumbe nos últimos minutos

Publicado o 09/10/2021 20:50

O Río Breogán caeu en Málaga como o fixera en Barcelona, dando boa imaxe pero cedendo nos últimos minutos. 

A primeira parte foi unha montaña rusa. Parcial de 5-20 de saída para os lucenses. O Unicaja respostou cun 10-0 e incluso tivo opción para colocarse por diante. Do 23-24 pasouse ao 25-37, un 2-13 para os galegos. Musa e Mahalbasic facían estragos na defensa andaluza. Norris Cole, o mellor dos locais, deixou sobre a bucina a vantaxe breoganista en 7 puntos no intermedio.

Apuntaba así o que viría despois. Cole resultou imparable. Anotou varias canastras que lle deron a volta ao partido e no último cuarto foi providencial, xusto no instante decisivo. Co Breogán gañando por tres apareceu para anotar 7 puntos seguidos e iniciar un parcial de 13-0 que xa non obtería resposta. O letal Cole foise ata os 26 puntos. A defensa afogou a un Musa que non anotou en xogo na segunda parte. Mahalbasic, con 21 puntos, foi o mellor. Neste partido dos parciais, o último, o definitivo, foi malagueño.

Noticias web

09/10/2021