CRTVG

Buscar

O Ribeiro celebra a súa histórica Feira do Viño con restricións pola pandemia

Publicado o 30/05/2021 14:53

O sumiller do restaurante Árbore da Veira, estrela Michelín da Coruña, foi un dos mestres de cerimonia desta 58 edición da Feira do Viño do Ribeiro. Nunha cata comentada e retransmitida vía streaming polas limitacións de ocupación, destacou a versatilidade dos caldos da denominación de orixe máis antiga de Galicia.

Marcos Eiré, sumiller de Árbore da Veira: "A cociña xaponesa fusiona moi ben cos viños do Ribeiro. Eles emociónanse moito cando proban os viños do Ribeiro porque son moi florais. E falando de maridaxe local, un Ribeiro cunha ración de polbo é o mellor do mundo mundial".

Da calidade e sabor dos viños do Ribeiro deron testemuña tamén os participantes da cata ás cegas, unha das actividades máis demandadas desta feira que, por cuestións sanitarias, tivo que prescindir das tradicionais casetas pero quixo conservar a súa esencia.

"Na Arxentina probara os tintos, pero os brancos de aquí son alucinantes, gústanme moito". "Gústame o viño e a cidade", comentan dous participantes.

Da última colleita saíron no Ribeiro 10 millóns de botellas, pero unha boa parte da colleita anterior está aínda sen vender.

Juan Casares, presidente do CRDO Ribeiro: "As estimacións iniciais eran dunha perda do 45 %, pero unha vez procesados os datos, é aínda peor".

Agardan que a situación vaia mellorando e que a feira do próximo ano volva ao estilo tradicional.

Noticias web

30/05/2021