CRTVG

Buscar

O retén dos bombeiros mantense outras 24 horas no polígono do Ceao

Publicado o 13/04/2021 13:42

Despois de moitas horas de traballo, os bombeiros deron controlado o incendio que se iniciou este domingo e está xa practicamente extinguido. Pablo Yanes, cabo dos bombeiros de Lugo: "Si, pódese dicir que si, pero ás veces reiníciase algún pequeno punto onde non se deu chegado".

Aínda quedan zonas ás que non puideron acceder. Polo menos durante toda esta xornada os bombeiros van continuar moi pendentes por se se reavivan algúns focos.

Pablo Yanes, cabo dos bombeiros de Lugo: "Imos seguir con reténs outras 24 horas máis e arrefriando, porque de vez en cando reiníciase nalgún punto concreto en que aínda non se deu chegado, e niso estamos, imos seguir arrefriando e rotando os reténs cada catro horas".

Á parte da nave de pinturas onde se orixinou o incendio, o lume destruíu outras dúas edificacións contiguas: unha empresa de pneumáticos e outra de recambios de automóbiles. A empresa de recambios pode continuar coa actividade noutro local da zona urbana, pero na nave do polígono almacenaban o 90 % da mercadoría. Na empresa de pneumáticos, queimáronselles case todas as rodas novas almacenadas; teñen outra nave no polígono, á que trasladaron o material que conseguiron salvar.

Mentres se investigan as causas do incendio, que puido ser debido a un fallo eléctrico, os empresarios calculan que os danos poden chegar aos 12 millóns de euros.

Noticias web

13/04/2021