O restaurante Loliña do Carril pecha tras máis de oitenta anos
"Despois de oitenta e dous anos péchase un ciclo no noso restaurante Loliña. Xubílome e como non teño a ninguén que siga co negocio, pechamos", explica José María Fresco Bóveda, propietario do restaurante Loliña, que confesa que "o momento é complicadísimo para a hostelería sobre todo, non podemos manter o negocio con peches perimetrais, sen axudas de ningún tipo. As axudas que dan realmente non cubren os gastos de persoal e do negocio".
A crise da covid-19 veu a poñer o punto e final a un negocio que fundaron os avós de José María, Manuel e Maruxa, no ano 1934. Houbo moi bos momentos nesta historia.
José María Fresco Bóveda lémbraos así: "Eu recordo os anos 60, a xente que viña de Santiago, viña ás praias, paraba aquí en Carril a tomar as ameixas. Empezou a vir a xente a Carril e a empezar a funcionar o negocio".
E así convertéronse nun referente na gastronomía. Pero a pandemia puxo o punto e final ao Restaurante Loliña. Agora a familia abre unha nova etapa.
José María asegura que "os hosteleiros queremos facer o que non puidemos facer cando traballabamos gozar do tempo, gozar da familia. En principio, gozar".