CRTVG

Buscar

O relaxamento do uso da máscara podería aumentar os casos doutras infeccións

Publicado o 10/10/2021 17:05

Coa nova normalidade, que implica o relaxamento das restricións e do uso das máscaras no exterior, os expertos cren que este outono-inverno podería producirse un aumento doutras infeccións respiratorias, entre elas a gripe.

"É de esperar que suceda iso. De feito, o ano pasado non houbo gripe, creo que se rexistraron só sete casos de gripe, e unha das razóns a que se atribúe son as medidas xerais que se adoptaron para a covid−19", asegura Marina Blanco, pneumóloga do CHUAC. Xunto co uso masivo das máscaras e a distancia física, os especialistas non descartan que exista tamén unha certa competencia entre virus.

"De feito, en estudos de laboratorio observouse con outros virus que pode suceder que uns impidan o crecemento doutros. Tamén nos sume por outra parte nunha certa incerteza porque, por exemplo, a gripe ata o de agora tiña un comportamento claramente estacional e permitía adiantarse un pouco aos acontecementos", destacou a doutora Blanco.

Por iso é "algo inquietante", di a pneumóloga, que o coronavirus poida alterar a estacionalidade doutros virus, polo que, lembra, as vacinas van ser sempre a "medida preventiva máis eficaz".

Noticias web

10/10/2021