O Reino Unido supera as 42.000 mortes en pleno proceso de desescalada

O número de mortes confirmadas por tests da COVID-19 no Reino Unido elévase xa a 42.153, tras sumar 184 máis nas últimas 24 horas, segundo datos divulgados este mércores polo Ministerio británico de Sanidade. Ata a data, o Reino Unido rexistrou 299.251 casos positivos de contaxio polo coronavirus SARS-CoV-2, 1.115 na última xornada, de acordo coa mesma fonte.
A cifra de falecementos diarios é considerablemente inferior á rexistrada o martes, cando se situou en 233, pero os expertos advirten de que aínda é pronto para determinar se a estratexia de desescalada está a desenvolverse de maneira segura.
Dentro do plan de reactivación da economía nacional, o Goberno conservador de Boris Johnson reabriu este luns en Inglaterra todos os comercios de venda de produtos non esenciais e regresaron ás aulas algúns alumnos de educación secundaria.
Neste contexto, o líder do Partido Laborista británico, Keir Starmer, cuestionou hoxe a xestión do primeiro ministro, ao subliñar que deu marcha atrás en varias decisións durante a pandemia de coronavirus. Na sesión semanal de control ao Goberno na Cámara dos Comúns, Starmer celebrou "o cambio de sentido" levado a cabo polo líder conservador, ao autorizar onte que se estenda ao verán o programa de comidas gratuítas para estudantes necesitados que se aplicou cando as escolas pecharon polo confinamento.
Starmer criticou a Johnson por "non cumprir" aínda a súa promesa, que supuxo outra capitulación, de eximir os empregados da sanidade pública procedentes de países de fóra da Unión Europea(UE) do pago dunha recarga por usar o sistema sanitario británico.
Johnson afronta crecentes presións mesmo dentro do seu partido pola súa aparente falta de liderado, algo que queda patente, segundo os seus críticos, nos seus frecuentes cambios de opinión, descoñecemento de moitos aspectos do Goberno e a súa tendencia para depender dun pequeno círculo de asesores e ministros afíns.