CRTVG

Buscar

Johnson ordena o peche de bares e centros de lecer do Reino Unido

Publicado o 20/03/2020 22:21
Johnson ordena o peche de bares e centros de lecer do Reino Unido

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, ordenou o peche de bares, restaurantes, teatros, ximnasios e outros centros de lecer a partir de hoxe venres no Reino Unido para tratar de frear o avance da epidemia de coronavirus. O xefe de Goberno conservador afirmou que "cada mes" a partir de agora analizarase a situación para determinar "se se poden relaxar algunhas das medidas" que se están adoptando.

Maior ritmo de falecemos que en Italia

O ritmo de falecementos rexistrados polo coronavirus no Reino Unido é máis rápido xa que o de Italia e está a trazar unha traxectoria similar á de España, segundo indicou o diario británico The Telegraph.

En menos dun mes, o número de persoas que morreron a diario en Italia infectadas de COVID-19 alcanzou os 4.000, e os falecementos superan xa os da China, onde se orixinou o brote, mentres que no Reino Unido a cantidade de mortos pola enfermidade continúa crecendo, e chega xa aos 177.

No país anglosaxón o primeiro caso de morte por COVID-19 identificouse hai quince días e desde entón o ritmo de mortes é máis veloz que en Italia.

En Italia, tras superarse a decena de falecidos, a taxa de mortos continuou aumentando a diario nun 35%, pero durante a última semana baixou ata situarse por baixo do 20%. En cambio, no Reino Unido rexistrouse un ritmo de incremento diario de falecidos por COVID-19 do 50%, e en España, do 49%.

Diminúen os casos na China e continúa a propagación do virus en Europa

O xornal británico apunta que cando a China se atopaba no mesmo punto da pandemia que Italia -a 23 días tras detectarse o décimo falecemento polo virus-, o aumento diario no número de falecidos era do 23 por cento. Italia, a pesar de rexistrar moitos menos casos de infectados que os chineses -41.035 fronte a 80.000-, cifra agora as súas vítimas mortais polo brote en 3.405, un número superior aos que contabiliza a China, 3.245.

O mércores pasado, a China, orixe da pandemia, non rexistrou ningún caso novo por primeira vez desde que se identificou o brote e do mesmo modo que cada vez hai máis pacientes que se recuperan, o número de casos activos no país asiático decreceu nun 50% a semana pasada.