CRTVG

Buscar

O Reino Unido e a UE poñen o domingo como data límite para un acordo 'posbrexit'

Publicado o 10/12/2020 00:03

A Unión Europea (UE) e o Reino Unido seguirán negociando nos próximos días en busca dun acordo 'posbrexit' tras constatar este mércores que as súas diferenzas seguen sendo moi grandes en asuntos clave, e acordaron que o domingo é a data tope para tomar unha "decisión firme sobre o futuro das negociacións".

A presidenta da Comisión Europea (CE), Ursula von der Leyen, e o primeiro ministro británico, Boris Johnson, chegaron a esta decisión tras unha cea de traballo en Bruxelas que se prolongou durante máis de tres horas. Ambos mandatarios "mantiveron unha discusión franca sobre os obstáculos significativos que quedan nas negociacións. Segue habendo diferenzas moi grandes entre ambas as partes e non está claro que se poidan resolver", dixeron as fontes británicas. 

Con todo, Johnson e Von der Leyen acordaron manter "máis discusións nos próximos días" e tamén que "para o domingo debe tomarse unha decisión firme sobre o futuro das negociacións". Pola súa banda, Von der Leyen sinalou nun comunicado que a cea de traballo fora "interesante e animada" e que abordaron a lista de asuntos pendentes, e constataron que as posicións de ambos "seguen estando afastadas".

"Tomaremos unha decisión para o final da fin de semana", declarou a alemá. O primeiro ministro británico, asegurou a fonte británica, "non quere deixar ningún camiño sen explorar cara a un posible acordo".

Noticias web

10/12/2020