CRTVG

Buscar

O Reino Unido despídese esta medianoite da Unión Europea, despois de 47 anos

Publicado o 31/01/2020 15:53

Chegou o día. O Reino Unido despídese esta medianoite da Unión Europea, despois de 47 anos de pertenza e máis de tres anos de tirapuxas entre Bruxelas e Londres.
A divisón é perceptible nas rúas, onde hai convocados actos por parte dos partidarios do brexit, que celebran a fin dun proceso que pasou por tres aprazamentos, tres primeiros ministros e dúas eleccións. E tamén hai mobilizacións dos partidarios da permanencia en Europa, que lamentan que tras 47 anos o país abandone o club comunitario. Entre os galegos residentes no Reino Unido prima a incerteza polo que vai pasar despois das once desta noite, hora local, cando a bandeira británica deixará de ondear en Bruxelas.

O divorcio despois de 47 anos deixa sensacións encontradas no Reino Unido. A división social que supón o brexit é evidente hoxe nas rúas británicas. Día moi triste, desastre, para uns; feliz, para outros; horrible e para os escépticos, nada vai pasar hoxe.

Entre os galegos que o viven en primeira persoa prima a resignación e a incerteza. Os proeuropeos organizan actos na praza do Parlamento e ante a sede da Comisión Europea en Londres. Manifestacións, vixilias e, á noite, festa nun pub alemán para pasar xuntos o transo da hora D. O Goberno de Boris Johnson rebaixou as previsións iniciais e fará unha celebración máis discreta: o Big Ben non tocará as campás. Tras un discurso do Primeiro Ministro ás dez da noite, un reloxo proxectará en Downing Street a conta atrás para celebrar que a Union Jack xa non ondea en Bruxelas.



 

Noticias web

31/01/2020