CRTVG

Buscar

O Reino Unido desaconsella a vacina aos alérxicos severos tras dúas reaccións graves

Publicado o 09/12/2020 14:56

A axencia pública do medicamento no Reino Unido (MHRA) recomenda que as persoas que teñan un historial clínico de reaccións alérxicas graves a fármacos ou alimentos non se vacinen co preparado de Pfizer-BioNTech contra a covid-19, que onte comezou a administrarse nese país.

A advertencia lánzase despois de que o servizo público de saúde (NHS) británico confirmara que dúas persoas, en concreto dous sanitarios, que foron inmunizadas coa vacina onte sufriron unha reacción alérxica.

Só unhas horas despois de comezar a vacinación da súa poboación, o Reino Unido pídelles ás persoas con alerxias severas que non se vacinen da Covid.

Tras estes dous casos de reacción anafiláctica, supón, para algunhas persoas, un freo ao optimismo.

Aínda que tamén hai quen agarda, con ansia, o inicio da vacinación en España.

A chegada da vacina non implica aínda a fin da pandemia, pero a comunidade científica xa a ve como un regalo.

E malia os retos loxísticos que representa a fórmula de Pfizer, a primeira que previsiblemente se administrará no noso país.

A experiencia británica tamén abre o debate sobre a cartilla de vacinación da Covid. Segundo apuntan algunhas voces, podería converterse nun pasaporte que só permitiría moverse libremente a aqueles que estean vacinados, aínda que os expertos lembran que se trata dun documento necesario para o seguimento do paciente.