CRTVG

Buscar

O rei Xoán Carlos presenta ante Facenda unha regularización fiscal

Publicado o 06/12/2020 10:42

O xornal El País indica que a regularización presentada por Xoán Carlos I está relacionada co uso de tarxetas bancarias que se fornecían supostamente de fondos opacos relacionados cun empresario mexicano. Trátase de Allen Sanginés-Krause, amigo persoal do monarca emérito. Eses fondos están sendo investigados actualmente polo Tribunal Supremo.

O rotativo madrileño indica que o uso desas tarxetas se produciu entre 2016 e 2018 cando Xoán Carlos I xa abdicara. O importe defraudado superaría os 120.000 euros nalgún exercicio anual, límite a partir do cal se considera delito fiscal.

As tarxetas foran utilizadas polo anterior xefe do Estado e outros familiares non especificados, pero transcendeu que os reis Filipe VI e Letizia non as empregaron e están fóra do caso.

Este proceso non se relaciona co hipotético cobro de comisións polo AVE á Meca ou polas propiedades no estranxeiro do Rei emérito, que son obxecto doutras investigacións. Agora a Axencia Tributaria debe decidr se acepta este intento de regularización fiscal e, en caso afirmativo, saldaríase co pagamento das cantidades defraudadas e dunha multa.