CRTVG

Buscar

O rei Xoán Carlos paga a Facenda 678.000 euros para regularizar a súa situación

Publicado o 09/12/2020 19:45

• O seu avogado di que o rei está sempre a disposición da fiscalía 

• Sánchez defende "chegar ata o final" na investigación

O rei Xoán Carlos presentou este mércores unha declaración tributaria voluntaria "sen requirimento previo", da que resultou unha débeda, xa satisfeita, por importe de 678.393,72 euros, incluídos xuros e recargas. Así o informou nun comunicado  o avogado do rei emérito, Javier Sánchez-Junco, que engade que en calquera caso don Xoán Carlos continúa, "como sempre estivo", a disposición do Ministerio Fiscal "para calquera trámite ou actuación que considere oportunos".

O pasado domingo, o xornal El País informou de que o rei tiña previsto presentar en Facenda esta declaración voluntaria para regularizar a súa situación tributaria. A declaración, segundo este xornal, non está relacionada con bens no estranxeiro, senón co uso por parte do rei emérito e algúns familiares seus de tarxetas bancarias con fondos opacos dun empresario mexicano que está a ser investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo.

Segundo o diario, o uso desas contas tivo lugar entre os anos 2016 e 2018, cando Xoán Carlos I xa abdicara e perdera a inviolabilidade. 

A regularización voluntaria pode presentarse en calquera momento antes de que a Axencia Tributaria abra unha inspección ou un xuíz cite a declarar como investigado por presunta fraude fiscal ou branqueo de capitais. O rei emérito saíu de España o pasado mes de agosto e reside desde entón nos Emiratos Árabes Unidos como hóspede do xeque Mohamed Bin Zayed, príncipe herdeiro de Abu Dabi.

Sánchez defende "chegar ata o final" na investigación 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu a transparencia e chegar "ata o final" na investigación ao rei, pero deixou claro que a monarquía non está en perigo. Sánchez referiuse á situación do rei emérito nunha entrevista en Telecinco. O xefe do Executivo insistiu na necesidade de que a investigación ao pai de Filipe VI chegue ata o final pero respectando sempre os dereitos que ten como contribuínte.

Para Sánchez, o principal é que a democracia está a funcionar e están a xogar os seus papeis correspondentes tanto a xustiza, como os medios de comunicación e a axencia tributaria.

 

Noticias web

09/12/2020