O rei Xoán Carlos I marcha de España
• O Goberno apoia a decisión, do mesmo xeito que o PP e Cs, mentres que Podemos fala de "fuxida"
• Irene Montero repróchalle ao PSOE que non informase a Unidas Podemos da saída do rei emérito
O rei emérito comunicáballe por carta ao rei Filipe a súa decisión de trasladarse fóra de España. Ante a repercusión pública que están xerando certos acontecementos pasados da súa vida privada, en referencia ás informacións que o vinculan co presunto cobramento de comisións irregulares, don Xoán Carlos asegura que se vai, nestes momentos, para facilitarlle a Filipe VI o exercicio das súas funcións e movido polo seu legado e a súa dignidade como persoa. Di que é unha decisión tomada con profundo sentimento, pero con gran serenidade, lembrando que foi rei de España durante case 40 anos.
No mesmo comunicado, Filipe VI respóndelle expresando o seu respecto e agradecemento ante a decisión e lembrando a importancia histórica do reinado do seu pai e a súa obra política de servizo a España e á democracia.
A pesar da decisión de ir vivir fóra de España, o rei Xoán Carlos ponse á disposición da xustiza. Así o trasladou o seu avogado, Javier Sánchez Junco, a través dun comunicado coas instrucións recibidas para estar á disposición do ministerio fiscal para calquera trámite ou actuación que se considere oportuna.
A comezos de xuño, a Fiscalía Xeral do Estado anunciaba que o rei emérito estaba sendo investigado polo seu papel no suposto cobramento de comisións do AVE á Meca. A investigación trata de determinar se don Xoán Carlos cometeu delito despois de xuño de 2014, momento en que abdicou no seu fillo e, por tanto, deixou de ser inimputable.
Desde o Goberno, a comezos de xullo, o propio presidente Sánchez cualificaba de perturbadoras as informacións que ían saíndo sobre o pasado do rei emérito e sempre con mensaxes de apoio a Filipe VI.
Os vindeiros meses saberase se Xoán Carlos I estará obrigado a comparecer ante o Tribunal Supremo. Primeiro a Fiscalía deberá decidir se presenta querela ante a Sala do Penal.