CRTVG

Buscar

O rei Xoán Carlos trasládase a vivir fóra de España

Publicado o 04/08/2020 00:45

O Palacio da Zarzuela divulgou este luns un comunicado en que o rei Xoán Carlos notifica a Filipe VI a súa "meditada decisión" de ir vivir fóra de España ante as informacións publicadas nas últimas semanas sobre os seus presuntos negocios ocultos en Suíza.

O comunicado explica que don Xoán Carlos enviou este luns ao seu fillo unha carta en que lle traslada esa decisión, que asegura que adopta "con profundo sentimento, pero con gran serenidade". Varios medios publican que a carta se fixo pública despois de que o rei emérito saíse do país. A televisión portuguesa TVI di que está en Estoril, no concello de Cascais. 

"Fun rei de España durante case corenta anos e durante todos eles sempre quixen o mellor para España e para a Coroa", afirma o anterior xefe do Estado.

Engade, así mesmo, que pretende facilitar o exercicio das funcións de Filipe VI "desde a tranquilidade e o acougo que require -subliña- a túa alta responsabilidade".

"O meu legado e a miña propia dignidade como persoa, así mo esixen", engade don Xoán Carlos na súa carta, en que recalca que adopta a decisión co mesmo afán de servizo a España que inspirou o seu reinado.

Lembra que hai un ano lle trasladou a súa vontade e o seu desexo de deixar de desenvolver actividades institucionais e sinala que agora toma esta decisión guiado polo convencemento de prestar o mellor servizo aos españois, ás súas institucións "e a ti -escribe dirixíndose ao seu fillo- como rei"

O comunicado da Zarzuela sinala que Filipe VI transmitiu ao seu pai "o seu sentido respecto e agradecemento ante a súa decisión".

Tras o comunicado, o avogado de don Xoán Carlos, Javier Sánchez Junco, emitiu outro onde informa de que o anterior xefe do Estado lle deu instrucións para que faga público que, a pesar da súa decisión de trasladarse fóra de España, "permanece, en todo caso, á disposición do Ministerio Fiscal para calquera trámite ou actuación que se considere oportuna".

Texto íntegro da nota envidada por Zarzuela a partir da carta de don Xoán Carlos

"1. A súa maxestade o rei don Xoán Carlos dirixiu á súa maxestade o Rei a seguinte carta:

'Maxestade, querido Filipe:

Co mesmo afán de servizo a España que inspirou o meu reinado e ante a repercusión pública que están a xerar certos acontecementos pasados da miña vida privada, desexo manifestarche a miña máis absoluta dispoñibilidade para contribuír a facilitar o exercicio das túas funcións, desde a tranquilidade e o acougo que require a túa alta responsabilidade. O meu legado, e a miña propia dignidade como persoa, así mo esixen.

Hai un ano expreseiche a miña vontade e desexo de deixar de desenvolver actividades institucionais. Agora, guiado polo convencemento de prestar o mellor servizo aos españois, ás súas institucións e a ti como Rei, comunícoche a miña meditada decisión de trasladarme, nestes momentos, fóra de España.

Unha decisión que tomo con profundo sentimento, pero con gran serenidade. Fun rei de España durante case corenta anos e, durante todos eles, sempre quixen o mellor para España e para a Coroa.

Coa miña lealdade de sempre.

Co agarimo e afecto de sempre, o teu pai'.

2. A súa maxestade o Rei transmitiulle a S.M. o rei don Xoán Carlos o seu sentido respecto e agradecemento ante a súa decisión.

O Rei desexa remarcar a importancia histórica que representa o reinado do seu pai, como legado e obra política e institucional de servizo a España e á democracia; e ao mesmo tempo quere reafirmar os principios e valores sobre os que esta se asenta, no marco da nosa Constitución e do resto do ordenamento xurídico.

Palacio da Zarzuela, 3 de agosto de 2020"