O rei Filipe VI, vacinado este sábado contra a covid no WiZink Center de Madrid

AXENCIAS
O rei Filipe VI, de 53 anos, recibiu este sábado a vacina contra a covid no WiZink Center de Madrid, segundo informou a Casa do Rei. A Zarzuela indicou que o monarca foi vacinado "en lugar e tempo segundo lle correspondeu" polo protocolo establecido polas autoridades sanitarias. O monarca está dentro do grupo de idade de 50 a 59 anos, aos que se empezou a inmunizar este mes de maio.
Unha vez finalizadas as actividades do Día das Forzas Armadas, o Rei foi na tarde do sábado ao centro de vacinación da Comunidade de Madrid no Wizink Center. A Casa Real non distribuíu imaxes nin informou sobre a marca de vacina que se lle administrou. Felipe VI foi acompañado polo xefe dos servizos médicos da Casa do Rei, Juan Martínez, e o viceconselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid, Antonio Zapatero, como médico. Ao xefe do Estado inmunizárono nun dos centros de vacinación masiva instalados en Madrid, a diferenza da súa nai, a raíña Sofía, de 82 anos, a quen lle inxectaron as dúas doses no ambulatorio do distrito de Fuencarral-O Pardo, o máis próximo á Zarzuela.
Ademais de Filipe VI e a raíña Sofía, o rei Xoán Carlos, de 83 anos, tamén está inmunizado, xa que recibiu a vacina nos Emiratos Árabes Unidos, onde reside desde agosto de 2020. As infantas Elena e Cristina vacináranse durante unha visita ao seu pai no país árabe en febreiro.