CRTVG

Buscar

O rei afirma que "os principios morais e éticos" están "por riba de consideracións familiares e persoais"

Publicado o 25/12/2020 20:30

• O Rei pide vencer o desánimo ante a crise derivada da pandemia

• Filipe VI fixo referencia, sen mencionalo, ao Rei Emérito

Filipe VI fixo un chamamento aos españois a emprender un "grande esforzo nacional" para vencer "o desánimo e a desconfianza" xerados pola pandemia e remontar a crise económica, nun discurso en que don Filipe volveu marcar distancias co comportamento privado do seu pai, don Xoán Carlos, sen citalo expresamente.

O Rei centrou o groso do seu discurso desde o Pazo da Zarzuela, en insuflar esperanza á cidadanía para afrontar a recuperación con "esforzo, unión e solidariedade, con todos e para todos".

Ante as circunstancias "verdadeiramente excepcionais" que atravesa España, o monarca centrouse nas consecuencias da emerxencia sanitaria e no seu chamamento á unidade para afrontar a recuperación social e económica.

Remata un ano moi duro

O ano que agora acaba foi "moi duro e difícil", segundo Filipe VI, polo que estimou comprensible que "o desánimo ou a desconfianza" estean moi presentes en moitos fogares, en especial, onde hai "un baleiro imposible" polos falecidos por covid-19, uns 50.000, segundo o Ministerio de Saúde.

Porén, e tras recoñecer que o panorama é grave, subliñou que a resposta á crise "non pode vir da man de máis desánimo ou de máis desconfianza".

Ante outros escenarios similares vividos nas últimas décadas, Filipe VI lembrou que sempre se saiu a flote, polo que non hai motivos para pensar que esta vez non será así.

Fronte aos retos "enormes, pero non insalvables", que afronta o país, don Filipe marcou como meta emprender "un grande esforzo nacional e colectivo" para afrontar a recuperación.

Chegada da vacina

A chegada da vacina representa "unha grande esperanza", pero o xefe do Estado demandou aos cidadáns manterse "previdos e non baixar a garda" ao ser "imprescindible" a responsabilidade individual.

Palabras para os sanitarios

O monarca tivo palabras de eloxio para os sanitarios, aos que volveu darlles as grazas polo seu "enorme esforzo, a súa extraorinaria profesionalidade e a súa gran humanidade cos enfermos.

Valorou a "eficacia e entrega" das Forzas Armadas, dos corpos de seguridade, dos equipos de emerxencia e doutros servizos públicos.

Papel da Unión Europea

Filipe VI resaltou o papel da Unión Europea polo seu compromiso en favor da recuperación económica e a sostibilidade co plan de axudas para a reconstrución, da que España recibirá uns 72.000 millóns de euros.

Agradecemento ás mostras de apoio

Filipe VI, en nome tamén da raíña Letizia, a princesa Leonor e a infanta Sofía, agradeceu as mostras de apoio recibidas nos últimos meses e desexou un novo ano "cheo de esperanza". "Non será difícil que o ano 2021 mellore este 2020", presaxiou.