CRTVG

Buscar

O rei recoñece en Torrexón o traballo do equipo de evacuación de refuxiados afgáns

Publicado o 28/08/2021 18:46

• España logrou evacuar mais de 2.200 persoas desde Cabul

O rei Filipe VI e o presidente do Goberno Pedro Sánchez, visitaron este sábado as instalacións nas que se atende aos afgáns evacuados de Cabul coa fin de agradecerlle o seu traballo a todo o equipo humano que participou no dispositivo.

Sánchez sinalou que quixeron trasladarlle persoalmente o agradecemento a todo o operativo e a todos os servidores públicos o seu traballo.

En total logrouse evacuar mais de 2.200 persoas, das que 1.671 son colaboradores afgáns e os seus familiares, un dato superior á estimación inicial dunhas 800 persoas. O venres quedaban alí 600 persoas, coa intención de que o sábado xa só pernocten unhas 200.

España rematou este venres a operación de evacuación desde o aeroporto de Cabul coa saída do persoal diplomático e das forzas de seguridade e do exército que se encargaron do operativo desde o 18 de agosto.

Os dous últimos voos dos A400M desde Cabul aterraron este venres en Dubái con 81 militares e policías e persoal diplomático de España. Tamén evacuaron 85 colaboradores afgáns de España, Portugal e da OTAN ademais de cinco militares portugueses.