CRTVG

Buscar

O rei apela á esperanza e á unidade na ofrenda ao Apóstolo

Publicado o 25/07/2021 14:51

• A ofrenda regresa á catedral despois de dous anos | A visita dos reis engadiu expectación aos actos festivos

Foi a terceira ofrenda ao Apóstolo de Filipe VI dende que é rei. A primeira fíxoa no 2014, ao pouco de acceder ao trono, e a segunda o ano pasado, no marco da xira que os reis fixeron pola España de despois do confinamento. Nesta ocasión, a familia real ao completo cumpre coa tradición da Coroa de estar en Santiago no Ano Santo nunha cerimonia especial, porque a misa do Apóstolo volveu ao seu lugar tras dous anos de celebrarse en san Martiño Pinario por mor das obras na catedral. Pero, coma o ano pasado, a pandemia presidiu a invocación.

"Quero reiterar nesta ofrenda o orgullo e respecto que, como español, sinto polo noso pobo, pola súa determinación para superar definitivamente esta situación", afirmou Filipe VI.

Na ofrenda o rei fixo varias referencias á esperanza, a solidariedade e á unidade que inspiran, dixo, os valores xacobeos e simboliza o Apóstolo. 

"Arredor del, como nas apertas que lle dedican os peregrinos, uniuse España e únese Europa. Á volta da súa memoria érguese unha catedral maxestosa que representa a busca dun ideal compartido por millóns de persoas, unha catedral que representa tamén unha vitoria da esperanza sobre todas as 'negras sombras' das que se laiaba Rosalía de Castro", dixo Filipe VI.

Na súa resposta-homilía, o arcebispo de Santiago lembrou as vítimas de Angrois e da pandemia e pediu pola convivencia. 

"Acollo a vosa ofrenda, maxestade, e encomendo á intercesión do Apóstolo Santiago todos os pobos de España, para que manteñamos unha convivencia fraterna non esquecendo as nosas raíces", respondeu Xulián Barrio.

O botafumeiro volveu pechar a misa do Apóstolo nunha catedral renovada para este Ano Santo.

Noticias web

25/07/2021